Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica

Campaña de crowdfunding contra os megaproxectos eólicos

Grazas FDJCC.ORG

A transición enerxética cara a un modelo baseado en renovábeis é un compromiso ineludíbel. Esa transición debe ser xusta, socialmente distribuída e respectuosa coa biodiversidade, a xeodiversidade e a paisaxe. Mais non está sendo así.

Esta campaña de crowdfunding pretende impulsar iniciativas xurídicas que sirvan para evitar un modelo baseado en megainstalacións; dará asistencia técnica a colectivos e entidades afectadas por estes proxectos; e construirá unha biblioteca online de acceso libre con recursos legais, bibliográficos e cartográficos para facilitar a participación cidadá.

A campaña desenvolveuse a través de migranodearena.org, plataforma de crowdfunding solidario, até o 5 de xuño de 2021, Día Mundial do Medio Ambiente.

Seis organizacións ambientais unímonos nesta iniciativa para defender a Cordilleira Cantábrica frente ás ameazas de industrialización eólica.

Recadáronse 49.434 EUR (122% do obxectivo).

Moitas grazas pola vosa achega.

OBXECTIVOS DA CAMPAÑA DE CROWDFUNDING

O obxectivo da campaña é a dotación dun fondo económico para promover accións legais en defensa da biodiversidade e da paisaxe da Cordilleira Cantábrica e a súa contorna frente á enxurrada de megaproxectos de enerxía eólica, mediante tres estratexias:

DEFENSA XURÍDICA
Impulsar accións legais no ámbito xudicial europeo, estatal e autonómico contra as accións das administracións públicas e contra a normativa sectorial que conculque a planificación e ordenación territorial previas ou que contraveñan o tratado internacional que regula os dereitos de participación cidadá a respecto do medio ambiente.

ASISTENCIA A COLECTIVOS
Axudar nas accións legais e de mobilización cidadá de diferentes colectivos, asociacións e comunidades locais que persigan os mesmos fins de defensa da biodiversidade e da paisaxe.  

BASE DE COÑECEMENTO EN LIÑA
Crear unha base de coñecemento de acceso público mediante ferramentas de difusión documental.

OBXETIVO ECONÓMICO DA CAMPAÑA

Todas as actuacións que se desenvolvan ao abeiro do proxecto estarán aliñadas cos obxectivos anteriores e responderán a criterios de selección estabelecidos polos equipos xurídico e técnico do proxecto.

A distribución prevista de fondos é:

Distribución de fondos crowdfunding FDJCC

Estas montañas atraen a chuvia, crean solos, manteñen a diversidade biolóxica e, sobre todo, alimentan o noso espírito co anseio ininterrompido de beleza que sempre acompaña a mellor faceta do ser humano. Joaquín Araújo

O PROBLEMA

O mapa seguinte amosa a magnitude do problema. En vermello aparecen os aeroxeradores xa instalados; en azul, os aeroxeradores proxectados. Trátase dunha ferramenta interactiva que permite realizar procuras e consultar localizacións exactas dos complexos. 

Fonte: PDCC
Mapa de elaboración propia, a partir da información pública a que temos acceso.
Se tiveres información precisa e con coordenadas de proxectos que non aparecen no mapa, por favor contacta con
organizacion@cordilleracantabrica.org

Na Cordilleira Cantábrica e a súa contorna existen actualmente 433 complexos eólicos (8 377 aeroxeradores). A eles sumaríanse outros 380 proxectos en tramitación (datos a 20/04/2021), con máis de 3 000 turbinas de nova xeración, con maior impacto sobre a biodiversidade e a paisaxe polo seu gran tamaño e a necesidade de grandes infraestruturas asociadas, como liñas eléctricas e pistas de acceso.

A falta de ordenación territorial tradúcese en que a maioría dos aeroxeradores activos e en proxecto (51%) están situados a menos de 2 km de Reservas da Biosfera o espazos Rede Natura 2000; un 23% encóntranse no interior das Reservas da Biosfera e un 15% dentro deses espazos Rede Natura 2000. Segundo o Mapa de sensiblilidade ambiental do MITERD, un 32% dos aeroxeradores están situados ou proxectados en zonas de sensibilidade máxima, e un 12% en zonas de sensibilidade alta ou moi alta.

O actual modelo de implantación eólica, condicionado pola presión dos consorcios promotores, ameaza con transformar os espazos máis agrestes das montañas con quilómetros de enormes pistas de acceso, gabias, conducións e descomunais aeroxeradores.

IMPULSORES

Seis organizacións ambientais vimos de nos unir nesta iniciativa para defender a Cordilleira Cantábrica contra as ameazas de industrialización eólica: 

ADEGA
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza

ADEGA é a organización ecoloxista galega con maior implantación, cunha experiencia de máis de 45 anos. Desde os inicios tivo un papel principal na defensa do medio ambiente frente a proxectos industriais especialmente contaminantes ou agresivos co territorio. Na súa dilatada historia de activismo ecoloxista obtivo importantes éxitos no ámbito xurídico que deron freado ou diminuído o impacto exercido por plantas cementeiras, centrais hidroelécticas, explotacións mineiras, construtoras ou macropiscifactorías. Recentemente, xunto a outros colectivos integrantes da Plataforma Salvemos O Iribio, conseguiu unha sentenza favorábel do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza pola que se paralizou a construción dun complexo eólico na ZEC Ancares-Courel.

Bierzo Aire Limpio
Plataforma Bierzo Aire Limpio

Fundada en 2008 como fórmula para integrar todos os sectores sociais que rexeitan a incineración na cementeira de Toral de los Vados, sen dúbida unha das nosas razóns de ser e nas que temos investido un maior esforzo, a asociación traballou, ademais, na loita contra a instalación de plantas de incineración de residuos metalúrxicos, a denuncia de incendios como o da Tebaida berciana ou a nosa recente loita contra a plantación de eucaliptos e a planta de biomasa de Forestalia. Ante a recente invasión de proxectos de renovábeis en zonas de alta sensibilidade ambiental, facemos parte da iniciativa galego-berciana “Así Non” e temos subscrito distintas iniciativas como a da Alianza Enerxía e Territorio ou a campaña Aquí No .

Mesa Eólica Merindades de Burgos
Mesa Eólica Merindades de Burgos

A Mesa Eólica de las Merindades de Burgos constituiuse en marzo do ano 2000 como asociación para a defensa, coñecemento, conservación e estudo da natureza e, en especial, dos efectos dos complexos eólicos sobre o medio ambiente. Organiza en outubro de 2000 o primeiro Encontro Estatal para a defensa da Paisaxe ante a implantación da enerxía eólica. Desde entón traballa e colabora estreitamente con outros grupos e colectivos estatais en defensa da biodiversidade e o patrimonio para protexer o territorio de instalacións extractivistas que non sexan respectuosas coa conservación da natureza. En 2021 impulsou unha Declaración Eólica Responsábel

Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica
Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica 

A Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica (PDCC) fraguouse en febreiro de 2004, nun encontro de amigos xunto ao bosque de Muniellos. O noso obxectivo era, e segue a ser, a defensa da cordilleira como unidade paisaxística e ambiental frente ás actuacións lesivas e a nefasta xestión que as administracións fan destas montañas do norte cuxos relevos atesouran unha excepcional biodiversidade, unha xeodiversidade asombrosa e un grande acervo cultural. Desde entón fomos despregando actuacións de mobilización, xurídicas e de reclamación administrativa, mais tamén outras de carácter divulgativo. A PDCC está integrada por un grupo de persoas do ámbito académico, científico, da bioloxía da conservación, da historia natural e do naturalismo. Somos ecoloxistas.

Plataforma para la Defensa de los Valles Pasiegos
Plataforma para la Defensa de los Valles Pasiegos 

A Plataforma para la Defensa de los Valles Pasiegos naceu no verán de 2020 como resposta veciñal aos proxectos eólicos previstos nos Valles Pasiegos en particular e en Cantabria en xeral. A entidade bebe da experiencia doutros colectivos que teñen mostrado a súa oposición a este extractivismo enerxético que ameaza con destruír os nosos territorios. Mantendo a oposición técnica e xudicial a estes proxectos, a PDVP participa dunha resposta popular que foi crecendo desde o rural cara ás áreas urbanas e mostra de forma colectiva a súa oposición a este tipo de desenvolvementos, exixindo un debate social que estabeleza as nosas reais necesidades de enerxía na perspectiva dun modelo de xeración descentralizado, de proximidade, que faga innecesarias as grandes corporacións e infraestruturas.

Sociedade Galega de Ornitoloxía
Sociedade Galega de Ornitoloxía

Fundada en asemblea constituínte celebrada en Santiago de Compostela o 8 de maio de 1999 a iniciativa de varios ornitólogos galegos que vían interesante a creación dunha asociación dedicada exclusivamente á observación, o estudo e a conservación das aves en Galiza. Os seus fins son o estudo científico e a conservación das aves silvestres e dos seus hábitats. Ademais, a SGO intenta promover entre os cidadáns o coñecemento, aprezo e respecto deste grupo de fauna e da natureza en xeral. 

A Cordilleira Cantábrica, hoxe ameazada por numerosos complexos eólicos, é un tesouro europeo de xeodiversidade, biodiversidade e paisaxe que debemos conservar para as xeracións futuras.

EQUIPO XURÍDICO

A súa misión será elaborar un plan de accións legais a desenvolver, participar na elaboración de modelos de alegacións e recursos legais e recompilar o material bibliográfico, sentenzas e xurisprudencia para a base de coñecemento en liña de acceso gratuíto. 

Ángeles López Lax
María Ángeles López Lax

Avogada colexiada actualmente como exercente no Ilustre Colegio de Abogados de Cáceres, comecei a exercer a avogacía en Barcelona en 1976. Após traballar nas áreas de dereito civil e mercantil, comecei a especialización en dereito ambiental no ano 1996 coa fundación da Asociación para la Información y Comunicación Ambiental (ACIMA), da que son presidenta. Cofundadora da Red de Abogados y Abogadas para la Defensa Ambiental (RADA). Socia do bufete Scornick Gerstein Llp, responsábel da área de dereito ambiental.

Olga Álvarez
Olga Álvarez García

Avogada, colexiada no Ilustre Colegio de Abogados de Oviedo desde 1995 e, desde entón, exercente. Traballo en diversos ámbitos: civil, penal e contencioso-administrativo fundamentalmente. Desde que comecei a estudar a carreira movinme entre asociacións ambientalistas de ámbito asturiano, participando activamente desde entón. Levei varios preitos de ámbito ambiental durante este tempo. Fago parte de RADA, a Red de Abogados y Abogadas para la Defensa Ambiental, desde hai máis de 10 anos.  

Antonio Ruiz Salgado
Antonio Ruiz Salgado

Avogado de vocación, doutor en dereito e licenciado en ciencias políticas. Un algo Don Quixote e unha miga Sancho Panza. Nos meus máis de 20 anos de exercicio profesional especialiceime en dereito administrativo e ambiental. A miña actividade está ligada á comprensión do dereito como un fenómeno político-social en constante cambio e que debe ofrecer resposta ás necesidades da sociedade para mellorar a relación entre os sistemas social e ecolóxico.

Víctor Álvarez Bayón
Víctor Álvarez Bayón

Son avogado especializado en dereito ambiental, urbanístico e administrativo. Traballei en diversos conflitos ambientais asesorando entidades veciñais e ecoloxistas. Entre outros, afectados por centrais térmicas de biomasa en León e Ponferrada, afectados por Crematorios de Asturias, así como polas plantas de asfalto de Oviedo. Son un dos integrantes de Cordal Estudio Jurídico e membro de RADA, Red de Abogados y Abogadas para la Defensa Ambiental.

Luz Ruiz Sinde
María Luz Ruiz Sinde

Licenciada en dereito pola Universidade de Cantabria. Avogada exercente desde 1992, exercendo tamén a dirección do despacho multidisciplinar desde 2002. A miña especialidade é o dereito administrativo, medioambiental e urbanístico. Avogada de Ecologistas en Acción en Cantabria desde a súa fundación (1998) até a actualidade e membro da Comisión Xurídica Estatal de Ecologistas en Acción-CODA.

Fernando Adolfo de Abel
Fernando Adolfo de Abel Vilela

Profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela. Licenciado e doutor en dereito pola antedita universidade, cursou estudos de postgrao no Real Colegio Complutense, adscrito á Universidade de Harvard. Foi profesor visitante da Universidade de Fordham e da Florida International University. Colaborador de ADEGA. Actualmente prepara un informe para o Parlamento Europeo sobre a evolución e situación do sector eólico en Galiza. É colaborador externo neste equipo xurídico, no que participarán como letrados Montse Calvo e Óscar Insua. 

Ester Sanguino

Licenciada en dereito e especializada en Medio Ambiente, Urbanismo e Responsabilidade Social Corporativa. Son inconformista e inquieta. Con experiencia na empresa privada, no terceiro sector e na administración pública, acredito firmemente en traballar por facer posíbel o desenvolvemento sustentábel, polo que sempre procuro vincularme a proxectos que o procuran.

EQUIPO TÉCNICO Y CIENTÍFICO

O papel do equipo técnico será elaborar guías, modelos de alegacións e recursos e informes periciais. Será o grupo responsábel da creación de contidos na base de coñecemento en liña de acceso gratuíto que conterá a web do proxecto e colaborará co equipo xurídico na elaboración do plan de accións legais. 

Anonymous
Juan Ángel de la Torre

Biólogo burgalés, actualmente director do IES Castella Vetula, en Medina del Pomar (Burgos), dedicado á docencia desde hai 28 anos. Publiquei ou colaborei en artigos científicos e divulgativos en literatura científica, imprensa escrita e informes técnicos relacionados coa conservación e xestión de especies ameazadas. Socio da Mesa Eólica de Las Merindades de Burgos, da Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica e da Asociación para la Conservación y Estudio del Lobo, da que fun presidente. 

Belén Rodríguez
Belén Rodríguez Fernández

Son secretaria executiva da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). Licenciada en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela. Desenvolvo a miña actividade profesional en ADEGA desde hai 16 anos. Estiven á frente do proxecto de divulgación ambiental CERNA e da actividade organizativa da entidade na súa delegación de Lugo. Desde 2019 son a coordinadora xeral da organización ecoloxista galega e fago parte do grupo de ADEGA en defensa do territorio contra os macroproxectos eólicos.

Luis Canedo
Luis Fernández Canedo

Iniciei a miña actividade social no movemento estudantil dos setenta. Colaborei na creación da Plataforma Pacifista de Ponferrada, en campañas Anti-OTAN, contra o Campo de Tiro del Teleno e en favor da obxección de consciencia e a insubmisión. Nos noventa colaborei nas campañas do movemento antinuclear e no nacecemento da Asociación AEDENAT- BIERZO. Fun membro de Acción en Red. Desde 2008 fago parte da Plataforma Bierzo Aire Limpio. 

David Lastra
David Lastra González

Son cántabro e membro da Plataforma para la Defensa de los Valles Pasiegos. Ambientólogo e enxeñeiro forestal de formación, realicei a miña tese de doutoramento en espazos protexidos da Cordilleira Cantábrica analizando o impacto das enfermidades emerxentes en anfibios. 

Anonymous
Estrella Alfaro Saiz

Botánica de profesión e eterna aprendiz das montañas e da súa biodiversidade. A miña carreira profesional, por sorte, vén estando ligada ao mundo vexetal da Cordilleira Cantábrica, que foi a miña escola e o meu laboratorio de investigación. Estas montañas cautiváronme de tal maneira que, nos últimos anos, dei en me implicar con emoción en diferentes proxectos de conservación e divulgación da súa flora e hábitats. 

Mario Quevedo de Anta
Mario Quevedo de Anta

Biólogo. Profesor de Ecoloxía. Traballei con comunidades planctónicas mariñas, comunidades de peixes e invertebrados lacustres e dinámica de poboacións de pitas do monte, entre outros. Interésame persoal e profesionalmente a bioloxía da conservación. Gustaríame contribuír a mellorar o estado de conservación dos ecosistemas cantábricos. Son de Gijón. 

Óscar Rivas
Óscar Rivas

Presidente da Sociedade Galega de Ornitoloxía. Son licenciado en veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela con formación complementaria en bioloxía da conservación. Como profesional compaxino o traballo de veterinario e de seguimento e manexo de fauna silvestre co traballo técnico na Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), desde a que participo en distintos proxectos de conservación. 

Esperanza Fernández
Esperanza Fernández

Son xeóloga: leo rochas e traballo en mundos que xa non existen. Gozo especialmente camiñando por lugares pouco alterados polos seres humanos. Creo que loitar para conservar a súa diversidade e beleza é un acto de egoísmo, mais tamén unha obriga. 

Xavier Simón
Xavier Simón Fernández

Son economista ecolóxico, traballo na Universidade de Vigo e son o responsable do Observatorio Eólico de Galicia. Desde a economía ecolóxica e a agroecoloxía defendemos outros sistemas económicos, que se desenvolvan dentro dos límites ambientais con equidade intra e interxeracional. Creo que a actual transición enerxética débese reformular, dando protagonismo ás comunidades locais, xerando estruturas de produción e consumo locais, considerando a totalidade dos valores ambientais en xogo e cuestionando o crecemento económico sen límite.

COORDINACIÓN

A súa misión será organizar o funcionamento dos equipos, garantir o cumprimento dos obxectivos do proxecto e facilitar a fluidez de comunicación entre os integrantes dos ámbitos xurídico e técnico. Contará para o desenvolvemento destes traballos coa asistencia dun membro de cada un dos equipos. 

Ernesto Díaz Otero
Ernesto Díaz Otero

Fago sensibilización, divulgación e comunicación en La Jurbial Servicios Ambientales e traballei en proxectos de conservación da biodiversidade cantábrica en distintas entidades (Fundación Oso Pardo, Fundación Naturaleza y Hombre, Fundación Oso de Asturias). Socio da Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica. As miñas raíces veñen dunha terra de breixos e cuarcitas na se contaban historias de lobos. 

As montañas e, en especial a Cordilleira Cantábrica, son a fonte dunha infinidade de procesos naturais imprescindíbeis para o correcto funcionamento dos territorios que alimentan coas súas augas.
 

COMPROMISOS

Financiamento, gastos e contabilidade transparente

Os fondos obtidos mediante a campaña de crowdfunding empregaranse na consecución dos obxectivos sinalados e o seu uso para o financiamento de accións rexerase polos criterios de oportunidade e prudencia. Haberá un mecanismo de control do uso de fondos, unha política de aprobación de gastos e provedores e unha auditoría contábel.

Comunicación transparente e veraz

Habilitarase no sitio web do proxecto un espazo de comunicación transparente e veraz sobre a campaña de financiamento colectivo, sobre o uso dos fondos e sobre os resultados obtidos.  

Declaración de responsabilidad

O órgano de gobeerno do proxecto é a Xunta Directiva da Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica (Rexistro Nacional de Asociacións Nº 172616). As organizacións que apoian e colaboran institucionalmente son a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Rexistro de Asociacións de Galiza Nº 2004-7393-1), a Sociedade Galega de Ornitoloxía (Rexistro de Asociacións de Galiza Nº 1999-217-1), Plataforma Bierzo Aire Limpio (Registro de Asociaciones de Castilla y León Nº 24/1/0004185), a Plataforma para la Defensa de los Valles Pasiegos (Registro de Asociaciones de Cantabria Nº 7064) e a Mesa Eólica Merindades de Burgos (Registro de Asociaciones de Castilla y León Nº 09/1/0002754). 

Nin son “parques”, nin son “hortas” solares, nin son “muíños”. A linguaxe importa, non a edulcoremos: é ocupación industrial do territorio, son complexos, son placas fotovoltaicas e son turbinas eólicas. Chamemos as cousas polo nome

CONTACTO E RECURSOS DE IMPRENSA

Teléfono

+34 676 05 54 05
Ernesto Díaz
 

Comunicados de imprensa


Sobre inicio da campaña de crowdfunding

Nota de imprensa ESP 22-04-2021

Nota de imprensa GAL 22-04-2021

Nota de imprensa AST 22-04-2021

Sobre o remate da campaña de crowdfunding

Nota de imprensa ESP 7-06-2021

Nota de imprensa GAL 7-06-2021

AQUÍ NO | Por una transición energética compatible con la biodiversidad y el paisaje

Aquí No

Neste vídeo transmitimos a idea de que non todo vale na necesaria transición enerxética. O vídeo enmárcase na campaña «Aquí No», impulsada en novembro de 2020 e apoiada por máis dun cento de organizacións.

FDJCC | Por que un fondo legal para a defensa da natureza

Por que un fondo legal para a defensa da natureza

Por que un fondo xurídico para evitar os macroproxectos de enerxías renovables? Contámosvolo neste vídeo. Compárteo.

A campaña de crowdfunding comezou o 22 de abril, Día da Terra, e rematará o Día Mundial do Medio Ambiente, 5 de xuño.